martes, 29 de noviembre de 2011

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “INSUA” DA PARROQUIA DE LARIÑO

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º.- 
1.- Constitúese unha Asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de Asociación. A Asociación ten a seguinte denominación “ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “INSUA DA PARROQUIA DE LARIÑO".
2.- A Asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.
Artigo 2º.- O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Lariño, Centro Cívico Cultural “Xosé de Torea”, rúa de Tralofoxo, s/n, C.P. 15292, teléfono 685 87 17 20, correo electrónico AAVVINSUA@gmail.com
Artigo 3º.- A Asociación, en función dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da provincia de A Coruña.
Artigo 4º.- 
1.-A Asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados e asociadas expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2.- A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da
Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 5º.- A Asociación gozará de personalidade propia e independente de cada un dos seus membros e capacidade suficiente para adquirir, posuír, enaxenar, calquera clase de bens, celebrar contratos, crear e fomentar cooperativas de servizo, asociarse ou federarse con outras Asociacións, obrigarse e exercitar toda clase de accións legais, privadas, xudiciais, que sexan necesarias para o cumprimento e desenvolvemento dos seu fins e obxectivos.
Artigo 6º.- Obxectivos:
a.- Defensa dos intereses xerais dos/as veciños e veciñas, en calidade de usuarios e destinatarios finais da actividade urbanística, cultural, deportiva, educativa, sanitaria, de vivenda, social económica, de consumo, de participación en asuntos de interese xeral da parroquia, etc, fomentando as medidas participativas máis adecuadas. 
b.- Informar e apoiar os/as veciños e veciñas en todas as cuestións que afecten os seus intereses xerais.
c.- Asumir a representación dos/as veciños e veciñas do ámbito territorial adoptando as resolucións e levando a termino as actuacións que pola súa importancia ou intereses lles afecten individual ou colectivamente, ou os intereses xerais da parroquia.
d.- Fomentar o asociacionismo entre os/as veciños e veciñas do ámbito territorial como instrumento de participación e defensa dos intereses xerais dos/as veciños e veciñas.
e.- Vixiar e esixir que as administracións públicas, no seu respectivo ámbito de competencias, cumpran escrupulosamente coa súa obriga de promover e facilitar o desenvolvemento de Asociacións, Federacións, Confederación e Unións que persigan o interese xeral.
f.- Esixir as administracións públicas, no seu respectivo ámbito de competencias, o cumprimento dos dereitos recoñecidos pola Lei Orgánica 1/2002, as súas normas de desenvolvemento e os regulamentos municipais, en orden a:
1.- recibir información directa dos asuntos que son de interese común.
2.- participar das subvencións públicas para o desenvolvemento de proxectos e actividades.
3.- establecer convenios de colaboración en programas de interese xeral.
4.- ser declaradas de utilidade pública.
5.- intervir en todos os ámbitos das administracións públicas para defender os intereses xerais dos/as veciños e veciñas.
6.- utilizar os medios públicos (locais, sas de reunión, centros sociais, radios, etc) para o exercicio das súas funcións de representación e defensa dos intereses dos/as veciños e veciñas.
7.- exercitar o dereito a iniciativa popular.
8.- ser escoitada nos Plenos e Comisións municipais nos asuntos que afecten de modo particular ou xeral (elaboración de disposicións xerais) os/as veciños e veciñas do seu ámbito territorial. Para o logro completo dos obxectivos enumerados a Asociación asignará vogalías, seccións, departamentos de asesoramento, de información e servizo –internos ou externos- na medida necesaria. Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados e asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS E ASOCIADAS
Artigo 7º.- 1- Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas físicas, maiores de 15 anos que manteñan algún tipo de vencello coa Parroquia de Lariño e o soliciten a Xunta Directiva.
2.- Poderán ser integrantes da Asociación na súa sección xuvenil, os menores de 15 anos co consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.
Artigo 8º.- A Xunta Directiva está obrigada a inscribir no libro de socio/as a todo aquel que cumprindo os requisitos anteriores o solicite e pague a taxa que corresponda. A denegación de admisión deberá ser debidamente motivada podendo o solicitante rexeitado expor a súa queixa na seguinte Asemblea xeral, a cal decidirá acerca da súa inscrición como socio/a.
Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
1. Asistir con voz e voto as reunións da Asemblea Xeral.
2. Elixir ou ser elixido para os cargos de representación ou directivos da asociación.
3. Intervir no goberno e nas xestións, servizos e actividades da asociación de acordo coas normas legais e estatuarias.
4. Expor ante a Asemblea e a Xunta Directiva todo o que considere poda contribuír a realización dos obxectivos sociais.
5. Solicitar e obter explicacións sobre a administración e xestión da Xunta Directiva.
6. Recibir información sobre as actividade da Asociación.
7. Facer uso dos servizos comúns que a Asociación estableza ou teña a súa disposición.
8. Formar parte dos grupos ou comisións de traballo.
9. Obter un exemplar dos estatutos.
10. Obter certificacións expedidas polo/a secretario/a co Visto e Prace do Presidente/a ou dos acordos adoptados na Asemblea.
11. Solicitar e obter do/a secretario/a o listado de socios/as co obxecto de proceder a convocatoria extraordinaria de Asemblea, sempre que: a petición se realice por escrito firmado por un mínimo de cinco socios/as, que acompañen a orde do día xunto a petición, que exista previa negativa do/a Presidente/a a convocala ante idéntica solicitude por escrito dos mesmos/as socio/as. Os asociados e asociadas xuvenís non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación dela. Os asociados e asociadas xuvenís están facultados para asistir ás Asembleas xerais con voz, pero sen voto.
Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:
1. Comparti-las finalidades da Asociación e colaborar para a súa consecución.
2. Paga-las taxas que se establezan.
3. Desempeña-los cargos para os que foron elixidos.
4. Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.
5. Acata-lo contido dos estatutos.
6. Ter unha boa conduta individual e cívica.
Artigo 11º.- 1.- A condición de asociado/a pérdese:
a.- Por vontade propia.
b.- Non estar ao corrente no pago da taxa.
c.- Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
d.- Por falecemento.
2.-A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia co interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 12º.- Os órganos de goberno e representación da Asociación serán:
1. Asemblea Xeral
2. Xunta Directiva
Artigo 13º.- Asemblea Xeral. Legalmente constituída de acordo coa Lei e estes Estatutos é o órgano supremo de dirección e goberno da Asociación, debendo reunirse ao menos unha vez ao ano.
Artigo 14º.- A Asemblea xeral poderá ser de dous tipos: ordinaria e extraordinaria.
Ambas serán presididas polo presidente/a da Xunta Directiva, na súa ausencia polo vicepresidente/a, e en ausencia de ambos o que elixa a propia asemblea. Dirixirá os debates e proporá o orden do día e asumirá o que lle propoñan os solicitantes, no seu caso, nas extraordinarias. Actuará de secretario/a o que o sexa da Xunta Directiva, ou no seu defecto o que elixa a mesma Asemblea.
Artigo 15º.- As Asembleas xerais ordinarias serán convocadas por decisión da Xunta Directiva. Non obstante quedará obrigada a convocar Asemblea Xeral extraordinaria, dentro dos vinte días naturais seguintes, si o solicitan un número de asociados e asociadas non inferior ao 10 por cento que axunten a súa vez a orden do día a tratar.
Artigo 16º.- As Asembleas xerais quedarán legalmente constituídas en primeira convocatoria cando concorran, presentes ou representados, a metade dos asociados con dereito a voto. A convocatoria será efectuada sete días naturais antes, como mínimo, da data indicada para a celebración, expresando na mesma a orden do día, o lugar, a data e a hora. Quedarán validamente constituídas en segunda convocatoria sexa cal sexa o número de socio/as presentes ou representados. A segunda convocatoria fixárase media hora despois da primeira no mesmo lugar e data, e anunciarase coa primeira. Os acordos adoptados nas Asembleas obrigarán a todos os socio/as, engadindo os ausentes, os discrepantes e os que presentes se abstiveran de votar.
Artigo 17º.- Todos os asociados e asociadas teñen dereito de voz nas asembleas xerais, sen embargo para exercer o voto, promover asembleas extraordinarias, e formar parte da Xunta Directiva requírese estar ao corrente no pago da taxa e gozar da condición de socio/a.
Artigo 18º.- Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva serán incorporados a un libro de actas que se levará na Asociación, as actas deberán estar firmadas polo presidente/a e o secretario/a.
Artigo 19º.- Será competencia da Asemblea Xeral a adopción dos acordos seguintes:
1.- Aprobación das contas e a memoria anual que sobre a súa xestión debe presentar a Xunta Directiva cada ano a Asemblea.
2.- Aprobación do orzamento anual.
3.- Elección dos membros da Xunta Directiva.
4.- Modificación dos Estatutos.
5.- Disolución da Asociación.
6.- Adquisición ou enaxenación de bens e remuneración dos membros da
Xunta Directiva.
7.- Constitución de federacións con asociacións similares ou integración ou separación nalgunha existente.
8.- Determinación das taxas ordinarias e extraordinarias que correspondan os asociados e asociadas.
9.- Todo o non expresamente atribuído a Xunta Directiva pola Lei ou os presentes Estatutos.
Artigo 20.- Os acordos adoptaranse por maioría simple dos asociados e asociadas presentes ou representados, con dereito a voto de acordo co disposto no artigo 18, cando os votos afirmativos superen os negativos. Excepcionalmente, para adoptar os acordos indicados nos apartados 4, 5, 6 e 7 do artigo precedente requirírase maioría cualificada dos asociados e asociadas presentes ou representados/as con dereito a voto, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade máis un dos presentes e representados/as.
Artigo 21.- A Xunta Directiva. Intégrana os asociados e asociadas maiores de idade que estando ao corrente da taxa resulten elixidos pola Asemblea Xeral. A Xunta Directiva deberá estar integrada polos seguintes cargos: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e os/as Vogais que determine a Asemblea nunca inferior a tres nin superior a quince.
Artigo 22.- A atribución de cargos dentro da Xunta Directiva decidirase na súa primeira reunión por acordo adoptado pola maioría simple entre os seus compoñentes. Todos os cargos son honoríficos e voluntarios. Todos os seus membros son reelixibles finalizado o período de mandato fixado en cinco anos. Procedéndose a metade de cada mandato a renovación da metade dos seus compoñentes.
Artigo 23.- Os acordos da Xunta Directiva adoptaranse por maioría simple dos presentes. Sendo requisito indispensable a asistencia dun terzo dos seus compoñentes para adoptar validamente os acordos. Para determinar o terzo da fracción completarase por exceso.
Artigo 24.- A Xunta Directiva celebrará reunión ordinaria cada mes, e extraordinaria cada vez que sexa convocada polo Presidente/a (ou polo Vicepresidente/a en ausencia, incapacidade ou enfermidade de aquel) ou solicitada por un terzo dos seus compoñentes. Neste último caso celebrarase como máximo dentro da semana natural seguinte a solicitude.
Artigo 25.- No caso de existir ou producirse, por calquera causa, algunha vacante a Xunta Directiva ten a facultade de elixir interinamente aos novos membros, elección que deberá ser ratificada pola Asemblea Xeral. No suposto de dimisión colectiva da Xunta Directiva, deberá convocar aos socio/as a Asemblea Xeral co dobre obxecto de comunicar a súa dimisión colectiva e proceder a elección da nova Xunta Directiva. No suposto que a Xunta Directiva dimisionaria non convoque a Asemblea de socio/as, estes, en número non inferior o 10 por cento –excluíndo só a quen non están ao corrente no pago das taxas- están facultados para convocar Asemblea Xeral extraordinaria para someter os socio/as a elección da nova Xunta Directiva, ou ante a súa imposibilidade, proceder a disolución da Asociación.
Artigo 26.- A Xunta Directiva asumirá as funcións representativas e de xestión da Asociación de acordo cas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. En concreto son funcións da Xunta Directiva:
1.- Elaboración dos orzamentos anuais para sometelos a aprobación da Asemblea.
2.- Administrar os fondos sociais e o inventario de bens da Asociación.
3.- Admisión e expulsión de socio/as, que ostentan o dereito a ser oídos ante
a Asemblea que poderá revocar o acordo de expulsión.
4.- Convocar, fixar a data e orden do día das Asembleas ordinarias e convocar as extraordinarias.
5.- Custodiar os libros e documentos da asociación.
6.- Designar as comisións de traballo e nomear e coordinar os seus responsables.
7.- Interpretar os Estatutos.
8.- Facer regras de procedemento para a elección a Xunta Directiva.
9.- Redactar a memoria anual de actividades.
10.- Contratar o persoal que considere conveniente.
11.- Todas as que lle sexan encomendadas pola Asemblea.
Artigo 27.- O/a Presidente/a da Xunta Directiva terá as seguintes funcións:
1.- Ostenta a representación legal da Asociación.
2.- Preside as Asembleas, Xuntas e dirixe os debates e deliberacións.
3.- Convocar a Asemblea Xeral sempre que o decida a Xunta Directiva ou o solicite un 10 por cento de asociados e asociadas.
4.- Convocar a Xunta Directiva ordinaria, e todas aquelas que lle sexan solicitadas por 1/3 dos seus membros.
5.- Autorizar coa súa firma toda clase de documentos que se produzan na Asociación.
6.- Ordenar os pagos.
7.- Por delegación ou autorización da Xunta Directiva subscribir contratos, outorgar poderes a terceiros, interpoñer recursos en vía administrativa, exercitar accións ante a xurisdición ordinaria e oporse a reclamacións ou demandas.
8.- Adoptar todas as medidas que considere urxentes e necesarias para ao mellor goberno e administración da Asociación, dando conta na próxima Xunta Directiva ou convocando unha co obxecto de ratificar a súa actuación.
Artigo 28.- As funcións específicas de cada un dos restantes membros da Xunta Directiva son en xeral as que derivan ou deducen da súa propia denominación, ademais de todas aquelas funcións, tarefas ou responsabilidade que a Xunta Directiva decida conceder a cada membro.

CAPÍTULO IV
SISTEMA DE ELECCIÓNS
Artigo 29.- O proceso de eleccións ordinario dará comezo un mes antes da finalización do mandato dos cargos da Xunta que corresponda renovar. A tal efecto a Xunta Directiva comunicará a todos os socio/as a apertura do proceso electoral, prazo –non inferior a quince días- e lugar para presentar candidaturas en listas abertas ou cerradas e data e lugar de celebración da Asemblea. A lista cerrada so será admisible se os candidatos completan as vacantes a cubrir nas eleccións.
Artigo 30.- A Xunta Directiva vixiará que todos os candidatos cumpran os requisitos do artigo 18. Se non reúnen os requisitos comunicaráselle por escrito dándolles tres días para que aleguen. A Xunta Directiva resolverá os tres días e, sempre, antes da data da Asemblea.
Artigo 31.- O primeiro punto da orden do día da Asemblea onde se celebren eleccións será a presentación de candidatos e personación dos candidatos ante a Asemblea. O/a Presidente/a dará unha rolda de dous minutos para que os/as candidatos/as, se o desexan, expliquen os motivos e obxectivos que os levan a presentarse a Xunta Directiva.
Artigo 32.- Finalizada a rolda de explicación procederase a votación. O modo ordinario será a man alzada. O/a Presidente/a sempre que o solicitaran, antes da votación, un mínimo do 10 por cento de socio/as presentes que reúnan os requisitos do artigo 18 procederá a celebrar votación secreta mediante papeletas. O dereito de voto é persoal, non se admitirá o voto mediante representante.
Artigo 33.- Efectuado o reconto, o/a Presidente/a da Asemblea proclamará os candidatos electos. Levantando acta o/a Secretario/a. Os novos membros pararán a integrarse na Xunta Directiva unha vez que finalice o mandato, parcial ou total, dos membros ou da Xunta saínte. Seguidamente continuará coa orden do día.

CAPÍTULO V
RECURSOS ECONÓMICOS E PATRIMONIO
Artigo 34.- Os recursos económicos da Asociación para o cumprimento dos seus fins e obxectivos serán: as taxas dos socio/as, as subvencións de organismos ou entidades públicas ou privadas, doazóns, legados ou herdanzas, produto de sorteos ou rifas, rendas do seu patrimonio.
Artigo 35.- A Asociación disporá dunha relación actualizada de asociados e asociadas, inventario de bens e dereitos, libro de Actas e de contabilidade, todo elo de acordo co previsto na Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo reguladora do dereito de Asociación.
Artigo 36.- A Asociación disolverase por acordo adoptado nos termos e coa maioría cualificada prevista no artigo 20, actuando a última Xunta Directiva como comisión liquidadora que entregará o seu produto previa extinción de todas as débedas e cargas.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario